O Río Breogán–Unicaja, un partido para visibilizar a pandemia silenciosa da soidade non desexada
O CB Breogán, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cruz Vermella únense nunha campaña de sensibilización para alertar sobre un dos grandes retos sociais actuais: a soidade non desexada, cualificada xa como unha auténtica “pandemia silenciosa” que atravesa toda a sociedade.
Cruz Vermella en Lugo advirte de que este fenómeno non afecta unicamente ás persoas maiores. Cada vez máis mozos e mozas na provincia sofren situacións de illamento social, o que confirma que a soidade non entende de idades nin de contextos sociais.
Os datos de Cruz Vermella Española amosan a dimensión do problema: case a metade da poboación experimenta algún grao de illamento social, un 16 % sinte soidade ou falta de compañía, e unha porcentaxe significativa non participa na vida comunitaria nin se sente integrada no seu contorno. Esta carencia de vínculos non é só unha experiencia emocional, senón tamén un factor de risco que incide directamente na saúde física e mental, aumentando a probabilidade de depresión e de enfermidades cardiovasculares.
Situacións vitais como o desemprego, o dó, a xubilación, a emigración, a maternidade temperá, a dependencia, a pobreza ou a perda da vivenda poden romper as redes sociais de calquera persoa en calquera etapa da súa vida. Cando esta desconexión se prolonga no tempo, a soidade tende a cronificarse, agravando o illamento e dificultando a súa reversión, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.
Ante esta realidade, Cruz Vermella en Lugo traballa de maneira activa para combater o illamento social a través do acompañamento voluntario, a escoita activa e a creación de redes comunitarias. O seu obxectivo é devolver o sentimento de pertenza ás persoas que perderon os seus vínculos sociais, lembrándolles que non están soas.
Con iniciativas como a visibilización desta causa no partido Río Breogán–Unicaja, as entidades implicadas reafirman o seu compromiso de seguir impulsando respostas comunitarias sostidas, co fin de que cada persoa se sinta escoitada, valorada e conectada co seu contorno.