O «verán celeste»

Compartir con

O verán nun club deportivo profesional non é nin moito menos unha etapa de inactividade. Si é certo que empregados e xogadores toman uns merecidos días de vacacións, pero o período que separa dúas tempadas é unha etapa de peche de curso e de apertura dunha nova fase.

O traballo nos despachos, onde é menos visible, é intenso. Á montaña de documentos que supón o peche de contratos e a saída de xogadores e técnicos en xuño, solápase a planificación do novo curso. Son innumerables os detalles que permiten chegar a finais de setembro preparados para competir e cunha pretempada completada.

O club encárgase de xestionar os contratos dos profesionais. Neles reflíctense, de xeito xeral, aspectos como o aloxamento, o que supón ter preparados apartamentos para que os xogadores e técnicos vivan de maneira cómoda durante a tempada deportiva. Tamén, no caso do Río Breogán, existe o acordo de cesión de vehículos por parte de Nissan Fergil Auto, co compromiso de que estean a punto á chegada dos integrantes do equipo. A cada xogador elabóraselle un plan de viaxe e a correspondente recollida no aeroporto por parte do persoal do club. Durante os meses previos traballouse no deseño e nas estampacións da roupa da tempada, cumprindo unha estrita normativa marcada pola competición e respectando os acordos con cada un dos patrocinadores que figuran nas prendas.

Por suposto, a dirección deportiva traballou intensamente en renovacións e fichaxes para conformar un equipo competitivo. Sucédense as reunións para elaborar orzamentos, centos de horas ao teléfono con axentes e encontros de preparación do calendario de pretempada: acordos cos rivais e coas sedes dos torneos para aqueles partidos que se xogarán lonxe do Pazo...

Falouse con todos os patrocinadores e institucións para renovar e, se é posible, mellorar os acordos. Así mesmo, realizouse a campaña de abonados, co consiguiente traballo por parte do departamento informático e do propio club para fixar prazos, prezos, horarios, atención ao público, etc.

Nesta tempada do Río Breogán súmase a participación na fase previa da BCL, polo que se debe contar con deseños especiais de roupa —xa que a normativa difire da da Liga ACB—, ademais de xestionar desprazamentos, papelame e plans de viaxe específicos.

Cada un dos xogadores que chega ao club esixe un seguimento documental exhaustivo. Aqueles que proviñen de fóra de España adoitan precisar horas de preparación de visados, permisos e demais trámites. A iso súmase en moitas ocasións o acompañamento ás súas familias: asesóraselles, se é o caso, na escolarización dos seus fillos, equípanse os apartamentos...

A todo isto engádese o contacto constante cos medios de comunicación, presentacións de xogadores, primeiras entrevistas e a planificación das sesións de fotos e vídeos oficiais para a ACB e a BCL.

A ACB organiza tamén en Madrid xornadas intensivas sobre mercadotecnia e comunicación, onde se poñen en común as liñas xerais da tempada e se comparte tempo cos compañeiros do resto de clubs.

Paralelamente, prepárase a loxística relativa ao calendario en canto este se fai público: desprazamentos do equipo, hoteis en destino, horarios de adestramento...

E o equipo comeza a adestrar, non sen antes coordinar os recoñecementos médicos e probas físicas de cada un dos membros do equipo. Vestiario preparado, auga, material de fisioterapia, roupa, toallas, servizo de lavandaría, horarios, pista, marcador, canastras, balóns... Todo listo para que comece a soar o bote do balón.

E como se trata de ofrecer un bo espectáculo, o Pazo tamén sen dúbida debe vestirse de gala cos deseños publicitarios para as pantallas de pista e o videomarcador, os logos dos patrocinadores, a sala de prensa...

Ademais, nesta tempada —a do 60.º aniversario— súmanse iniciativas especiais para homenaxear a nosa historia: contactar cos protagonistas, preparar materiais e moito máis.

Estas son só algunhas das tarefas que se realizan nun club durante os meses estivais. Hai máis, moitas máis. Todo co obxectivo de competir ao máximo nivel na mellor liga de Europa e de seguir contando co orgullo da mellor afección.

 

O «verán celeste»

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información