Tras 27 xornadas, o equipo entra no "Top 8" en varias facetas estatísticas
A falta de poucas xornadas para o peche da fase regular, o Río Breogán consólidase como un equipo moi competitivo nesta Liga Endesa 2025/2026. A táboa clasificatoria sitúa ao equipo lucense actualmente na 11ª posición (11v-16d), pero unha análise detallada do rendemento puro revela unha realidade chamativa en moitas facetas estatísticas, competindo de ti a ti con moitos dos grandes do baloncesto español.
Tras a Xornada 27, o conxunto celeste logrou colarse no "Top 8" de ata oito categorías estatísticas clave da ACB, demostrando que o ADN competitivo do Breo vai moito máis alá do balance de vitorias.
Un ataque con números de "Play-off"
O equipo celeste destapouse como unha das potencias ofensivas do campionato. Non só é o 5º equipo que máis puntos anota (90 por partido), senón que o fai cunha eficiencia destacada en todas as facetas do tiro:
Acerto exterior: 5º mellor porcentaxe en triples (36%) e 6º en triples convertidos (10,4 por encontro).
Fiabilidade desde o tiro libre: 5º mellor porcentaxe da liga (79%).
Valoración total: aséntase como o 7º equipo máis valorado da competición con 94,5 créditos de media.
Garra, esforzo e compromiso
Se algo define ao Breogán esta tempada é a súa capacidade para castigar nas segundas oportunidades e a súa actividade defensiva. Destaca especialmente en dous apartados que requiren traballo de equipo, sacrificio e compromiso dos xogadores:
Poderío no aro rival: o Río Breogán é o 2º mellor equipo da ACB en rebotes ofensivos (12,67 por partido), unha cifra que lle permite xerar constantes segundas opcións.
Actividade defensiva: os celestes sitúanse como o 4º equipo en recuperacións (8 roubos por choque), reflexo dunha defensa intensa e solidaria.
Un visitante solvente
O Río Breogán é, actualmente, o 7º mellor visitante da categoría con 6 vitorias lonxe do Pazo, igualando a proxectos da entidade do Unicaja ou o Joventut. Esta solvencia e o traballo na cancha, sumados a unha afección que roza o 100% de ocupación en cada partido como local e a unha sólida xestión económica, permiten ao club mirar ao futuro con optimismo.
Ás portas do seu 60º aniversario, os datos confirman que o club conta cun equipo atractivo, competitivo e un proxecto máis mozo ca nunca.