Partido dedicado a ASORLU

Compartir con

Partido dedicado a ASORLU

A Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán darán visibilidade ao labor de Asorlu no partido da última xornada

O CB Breogán dedicará o partido da última xornada da tempada no Pazo a visibilizar o labor da Asociación de Persoas Sordas de Lugo (Asorlu).

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, e a vicepresidenta de Asorlu, Mónica Lourés, presentaron esta mañá a iniciativa. Esta proposta ofrece á entidade lucense os espazos promocionais do Pazo e o alcance das redes sociais do CB Breogán para difundir a súa rede de recursos e servizos, así como para sensibilizar sobre a necesidade de avanzar nunha sociedade máis inclusiva en todos os ámbitos.

Efrén Castro sinalou que “remata unha gran tempada no deportivo, que foi tamén de apoio a distintas iniciativas do ámbito social no Pazo, dedicando o encontro da última xornada a Asorlu, unha entidade con máis de 50 anos de actividade que, entre outras moitas cousas, facilita que os plenos da Deputación de Lugo cheguen a todas e todos a través da lingua de signos. O Pazo é un bo escenario para que nos recordedes ás administracións e á sociedade que, aínda que avanzamos en inclusión, queda moito camiño por percorrer”.

Mónica Lourés valorou “a iniciativa que nos permitirá difundir o traballo que desenvolvemos para mellorar a calidade de vida das persoas xordas e dar visibilidade tamén á lingua de signos”.

Salva Arco mostrouse “encantado de poder desenvolver estas accións durante todo o ano. Imos aproveitar o partido contra o Zaragoza para que máis xente vos siga coñecendo e saiba do gran labor que facedes”.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables, ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información