O CB Breogán dedicará o partido do vindeiro domingo – 11 de maio– co Real Madrid a visibilizar e recoñecer a labor da Plataforma pola Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, impulsada por familias con nenas e nenos con diversidade funcional.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o director xeral do CB Breogán Salva Arco presentaron a iniciativa xunto a Noelia Gómez López, integrante da plataforma, que enfoca o seu traballo en tres ámbitos: o asesoramento ás familias, o impulso de accesibilidade en espazos públicos e a sensibilización sobre a discapacidade infantil e a diversidade funcional coa programación de actividades culturais e lúdicas sobre esta temática.
Neste sentido, Noelia Gómez reivindicou a importancia da inclusión tamén no deporte, para que todas as nenas e nenos teñan acceso ao deporte independetemente das súas capacidades” e valorou “a oportunidade que supón un partido tan importante como o desta fin de semana para visibilizar que todas e cada unha das persoas temos unha responsabilidade en contribuír a unha sociedade máis inclusiva”.
Efrén Castro e Salva Arco sinalaron “que o deporte é unha ferramenta fundamental para lograr esa inclusión real, porque protagoniza unha gran parte do tempo de ocio e dos espazos de socialización, que son moi importantes para a calidade de vida as persoas, e especialmente na infancia”
No marco desta iniciativa, o CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais e nos emprazamentos publicitarios do Pazo a labor da Plataforma pola Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria
A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.