A marca galega renova e amplía o seu apoio de catro décadas ao Río Breogán e fai un chamamento á sociedade lucense e a outros axentes públicos e privados a que se sumen ao proxecto
A marca de Grupo Lence continuará un ano máis como máximo patrocinador do club lucense, reforzando unha alianza histórica iniciada en 1986 e renovando o seu compromiso co baloncesto de elite, con Lugo e con Galicia.
“O Río Breogán é un proxecto que debe ser coral e sostible. Para soster un equipo na ACB fai falta implicación, ambición compartida e apoio real”, sinalou Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence.
Grupo Lence, a través da súa marca Río de Galicia, renovou un ano máis o seu compromiso co Río Breogán, consolidando así unha das alianzas máis sólidas, emblemáticas e lonxevas do deporte galego e do baloncesto español. A compañía continuará sendo o máximo patrocinador do club, reafirmando unha vinculación que se remonta á tempada 1986/1987 e que forma parte da identidade compartida entre empresa, equipo, cidade e comunidade.
Con esta renovación, Grupo Lence pon en valor unha relación construída durante catro décadas desde a lealdade, a responsabilidade e a implicación real co proxecto deportivo e social que representa o Breo. Unha unión iniciada da man de Jesús Lence, figura clave na historia do club e no seu sostemento nos momentos máis complexos, e que hoxe continúa coa mesma firmeza baixo o liderado de Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence.
60 anos de Breo e 40 de apoio de Río de Galicia
A renovación do patrocinio para la tempada 2026/2027 adquire ademais un significado especialmente simbólico, ao coincidir cunha dobre efeméride: o 60.º aniversario do CB Breogán e os 40 anos do inicio do patrocinio de Leche Río, hoxe representado pola marca Río de Galicia. Un fito que reforza o carácter histórico dunha colaboración que estivo presente tanto nos anos de ACB como nas etapas máis difíciles, mantendo sempre o respaldo ao club.
Neste novo curso, Río de Galicia volverá ser o máximo patrocinador do Río Breogán, un papel que desde Grupo Lence se asume non só como unha achega económica, senón tamén como unha mostra de compromiso co territorio, co deporte e cun sentimento colectivo que transcende a pista. Porque o Breogán no é unicamente un club de baloncesto: é tamén un movemento social, un símbolo de Lugo e unha referencia de orgullo para toda Galicia.
“Para Grupo Lence, e para min persoalmente, renovar un ano máis o noso apoio ao Río Breogán é moito máis que manter un patrocinio: é dar continuidade a unha historia de compromiso que comezou co meu pai, Jesús Lence, e que forma parte da nosa maneira de entender a empresa e a nosa vinculación con Lugo e con Galicia. Ser o máximo patrocinador do club é unha responsabilidade, pero tamén un compromiso firme e un esforzo que asumimos con convicción, porque cremos no que representa o Breogán dentro e fóra da cancha”, sinalou Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence.
“O Río Breogán é un proxecto que debe ser coral e sostible. Para soster un equipo na ACB fai falta implicación, ambición compartida e apoio real. Por iso quero facer un chamamento ás institucións públicas, ás empresas privadas e a toda la sociedade lucense para que, cada un desde o seu lugar, se sume e respalde este proxecto. Se queremos seguir contando cun club na elite do baloncesto español, esa responsabilidade é de todos. O Breo é un movemento social, e como tal debe sentirse acompañado pola administración, polo tecido empresarial e pola afección”, engade.
Desde Grupo Lence subliñase que esta renovación responde a unha visión a longo prazo e a unha identificación plena co club e co seu entorno. Falar de Río de Galicia é falar de Lugo e de Galicia, do mesmo xeito que falar do Breogán é falar dunha afección, dunha cidade e dunha historia compartida que transcende xeracións.
Ao longo destas catro décadas, a colaboración entre ambas as entidades evolucionou e adaptouse aos distintos momentos do club, pero nunca perdeu a súa esencia: estar ao lado do Breogán sempre, nos momentos de maior visibilidade e tamén nos de maior dificultade. Esa fidelidade é a que converte esta alianza nun referente e nun exemplo de compromiso empresarial co deporte e co territorio.
A tempada 2026/2027 será, por tanto, unha oportunidade para celebrar non só os resultados dunha relación histórica, senón tamén a súa proxección de futuro. Nun ano tan especial para o club, Río de Galicia renova o seu apoio coa vontade de seguir contribuíndo a que o Breogán continúe medrando, consolidándose na elite e representando con orgullo a Lugo e a Galicia.
O director xeral do CB Breogán, Salva Arco, agradeceu a Carmen Lence e a Grupo Lence o seu compromiso:
"O compromiso ampliado do Grupo Lence lanza un sinal potente ao tecido empresarial: este proxecto é serio e merece a pena. Chegamos a unha tempada histórica na que coinciden os 60 anos do club e os 40 desta alianza, o que nos dá unha estabilidade clave pero tamén a responsabilidade de competir coa máxima ambición na ACB. Comparto plenamente a mensaxe de Carmen: o Breogán necesita e merece seguir medrando en apoios institucionais e empresariais á altura da súa traxectoria e da súa masa social. Pola nosa parte, garantiremos unha xestión transparente e un proxecto deportivo solvente que devolva esa confianza. A aposta de Carmen Lence por este club, incluso nos momentos máis difíciles, vai máis alá dun contrato; demostra unha convicción profunda no que o Breogán representa para Lugo. Estamos listos para estar á altura desta grande alianza."