Sala de prensa: Luis Casimiro na previa ao Kids&Us Manresa - Río Breogán da segunda xornada
Os celestes visitan o Nou Congost o sábado ás 21:00 horas
Luis Casimiro avisa da esixencia física ante o Manresa: "Teñen sete atletas e xogan a un ritmo incrible"
O adestrador do Río Breogán, Luis Casimiro, analizou este xoves a actualidade do equipo celeste na previa do esixente compromiso que os levará a medirse ao Kids&Us Manresa no Nou Congost. Tras completar unha semana de traballo que cualificou de moi frutífera e sen incidencias físicas, o técnico manchego destacou que o plantel avanza a bo ritmo cara á súa mellor versión, aínda que lembrou que a marxe de mellora do grupo aínda é moi ampla.
Casimiro non quixo facer comparacións co rendemento do curso pasado, fiel á súa filosofía de centrarse exclusivamente no presente. "O pasado xa está atrás e agora estou inmerso en todas as melloras que podemos facer", apuntou o preparador breoganista. Nese sentido, explicou que, tras analizar os últimos partidos, existen pequenos detalles por pulir a nivel ofensivo e defensivo, como o xogo sen balón, a ocupación dos espazos ou o uso do corpo no rebote, aspectos nos que buscará a excelencia nas vindeiras xornadas.
Sobre o rival, o técnico avisou da enorme esixencia que suporá a visita ao Nou Congost, un pavillón que comparou co Pazo pola proximidade da afección e a presión que exerce sobre o xogo. Casimiro subliñou a identidade do conxunto manresán, destacando a súa proposta intensiva e o ritmo que imprime o seu adestrador, Diego Ocampo. "Imos atopar un partido onde a esixencia física será máxima; teñen sete atletas que xogan a un ritmo incrible", advertiu.
Por último, o adestrador do Río Breogán tivo palabras sobre a situación de xogadores como Edgar Vicedo e Jonathan Kasibabu. Casimiro eloxiou a gran mentalidade e o compromiso de ambos no día a día. Aclarou ademais que a ausencia de minutos de Kasibabu no último choque respondeu exclusivamente á lectura puntual do encontro e á rotación dos pívots, e non a un plan preconcebido, asegurando que todos están preparados para achegar cando o equipo o precise.