Seis décadas de plena identificación con Lugo

Compartir con

Seis décadas de plena identificación con Lugo

O Río Breogán celebra o seu sesenta aniversario. Sesenta anos que, dentro da voráxine dun club deportivo, son moitísimas lembranzas. Tamén as que atesoura ASPNAIS

A Asociación de Pais ou Representantes Legais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) naceu tamén hai sesenta anos. Sempre houbo unha relación estreita de colaboración entre ambas institucións, que tanto se identifican con Lugo.

O traballo de ASPNAIS é fundamental para a sociedade e para centos de familias. Moitos dos seus usuarios e familiares levan tamén décadas apoiando o Breogán.

Con motivo desta historia paralela, desde o club celeste non viamos mellor opción que as pezas conmemorativas que se entregarán ao longo da tempada 2026/2027 a persoas e institucións que marcaron a nosa historia, como homenaxe e recoñecemento, fosen elaboradas no taller de cerámica de ASPNAIS.

A peza, un león rampante azul e branco inspirado no escudo orixinal do Breogán, e que o club recupera de xeito excepcional para este aniversario,  foi elaborada en exclusiva para o Breo, unha iniciativa que nos fai especial ilusión por todo o que significa.

No partido da primeira xornada no Pazo, que enfrontou o Río Breogán co histórico Joventut, tres representantes de ASPNAIS, Lucía Saavedra, Pilar Saavedra e Abel Núñez, fixeron entrega simbólica da primeira peza de cerámica, elaborada de forma artesanal nos talleres de ASPNAIS, á presidenta do CB Breogán, Carmen Lence. A presidenta, acompañada polo director xeral, Salva Arco, fixo entrega á súa vez dunha camiseta co dorsal 60 dedicada a ASPNAIS.

Este sinxelo e emotivo acto foi o pistoletazo de saída dos actos de homenaxe que se sucederán en cada partido no Pazo. Por alí pasarán lendas celestes, representantes de colectivos e institucións e persoas que marcaron a nosa historia.

Celebremos esta fermosa historia.

Seis décadas de plena identificación con Lugo
Seis décadas de plena identificación con Lugo

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información