O Río Breogán – Valencia Básket, dedicado a sensibilizar sobre a saúde mental

Compartir con

O Río Breogán – Valencia Básket, dedicado a sensibilizar sobre a saúde mental

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CB Breogán dedican o encontro a sensibilizar sobre esta causa

O CB Breogán dedicará  o partido do domingo ante Valencia Basket (17.00 horas) a sensibilizar sobre a importancia da saúde mental e difundir os servizos que ofrecen a Asociación lucense pola recuperación e a integración das persoas con transtornos mentais (ALUME) e Federación Galega de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES).

Coincidindo coa semana en que se celebra o Día da Saúde Mental (10 de outubro), as redes sociais do club e os soportes publicitarios do Pazo dos Deportes darán eco durante a fin de semana á labor que desenvolven as dúas entidades. O presidente de Alume Manuel Fernández valorou a oportunidade que “estas accións lles ofrecen para chegar directamente a todas as persoas que seguen ao Breogán e para reforzar a autoestima das persoas usuarias, que se ven atendidas e escoitades e se sinten partícipes dun proxecto tan motivador e senlleiro como o Breogán”.

“A saúde mental foi gañando nos últimos tempos espazo na axenda pública, con situacións persoais e testemuños de deportistas internacionais  que contribuíron a poñer o foco sobre este tema. Que avancemos na sensibilización é no coñecemento xeral desta realidade é moi positivo. Pero tamén resulta fundamental que as persoas con enfermidades mentais coñezan e teñan acceso a información e recursos de atención sanitaria e social dos que dispoñen no seu entorno mais inmediato e niso fai unha  labor fundamental desde a súa creación en 1995 Alume Saúde Mental: ofrecendo atención cos seus propios medios e programas e reclamando máis recursos sanitarios públicos. Con actos coma este poñemos o altofalante que nos presta o CB Breogán para visibilizar a esa labor e a da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental”, explicou o vicepresidente da Deputación na presentación do acto.

 O director xeral do CB Breogán Tito Díaz expresou a satisfacción “por poder colaborar e ser un medio para dar visibilidade a entidades que  mellorarn a calidade de vida das persoas con enfermidades mentais” e lembrou a “a saúde mental no baloncesto e no deporte profesional é moi importante. Os xogadores chegan a onde chegan as súas cabezas, máis aló da súa condición física”.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información